Thursday 28 de March de 2024

A cidade despide o Entroido 2022 cun espectáculo de fogos de artificio na praia de Santo Amaro tras sete días de festexos


As socias e socios da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesáns da Coruña conduciron á sardiña ata a rúa Arenal, punto de inicio do desfile que chegou ao Campo da Leña a finais da tarde

Tras sete días de festexos nas rúas da cidade, o Entroido da Coruña chegou hoxe, Mércores de Cinza, á súa conclusión co tradicional Enterro da Sardiña na praia de Santo Amaro, en Durmideiras.

Nesta ocasión, polo 175o aniversario da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesáns da Coruña, o velorio da sardiña celebrouse na súa sede, situada na rúa de San Andrés, 36. As socias e socios da entidade conduciron á sardiña ata a rúa Arenal, desde onde partiu o desfile ás 20.30 horas en dirección ao Campo da Leña. Xa ás 21.00 horas, executouse á desentronización do Deus Momo e, a continuación, a comitiva dirixiuse á praia de Santo Amaro, onde se levou a cabo ao enterro. Foi a fin da festa, cunha sesión de fogos de artificio ás 21.30 horas que dixo adeus a esta edición do Entroido.

As actividades festivas polo Entroido, que comezaron o día 17 de febreiro no Pazo Municipal de María Pita coa inauguración da exposición polos 40 anos da agrupación lúdico-cultural Os Maracos, continuaron o domingo 20 co primeiro concurso de comparsas no Palacio da Ópera. Xa o día 24 de febreiro, Xoves de Comadres, a cidadanía sumouse á homenaxe á actriz María Casares diante do Teatro Colón e a Casa Museo Casares Quiroga, unha iniciativa enmarcada no programa de actividades polo centenario do ano de nacemento de Casares.

O venres 25, a alcaldesa, Inés Rey, presentou na rúa da Torre o Andar do Entroido, un particular paseo da fama en homenaxe á persoeiros relevantes do Antroido coruñés. Neste 2022, o homenaxeado foi Fernando Amaro ‘Cantero’, “gran impulsor do Entroido coruñés”, tal e como sinalou durante o acto Inés Rey. Os actos previstos polo Entroido da Coruña continuaron o sábado 26 do Desfile de Antroido e o Concurso de Carrozas e Comparsas, previo á entrega dos premios en María Pita e á actuación de Broken Peach.

Xa o luns, día 28, a música e o espectáculo voltaron de noite a María Pita co concerto de Varry Brava, a modo de previa dun intenso Martes de Entroido que concentrou, xa desde o mediodía, actos en homenaxe a choqueiros célebres da cidade como Fernando Amaro ‘Cantero’, Canzobre, César San José e Juan Manuel Iglesias Mato ‘Palau’. Ademais, a rúa da Torre e o Campo da Leña acolleron desde media tarde, o Concurso Infantil de Disfraces e o Concurso de Choqueiros, así como as actuacións da agrupación Los Mecánicos e Virtual Project. Foi unha festa de todas e todos, para pequenos e tamén adultos. A alcaldesa, Inés Rey, destacou o bo ambiente vivido durante a xornada, así como a imaxinación e creatividade dos participantes nos concursos.

Ademais, e xa este mércores, na recta final das celebracións do Entroido, co Enterro da Sardiña e os fogos de artificio na praia de Santo Amaro, Inés Rey quixo agradecer o “comportamento modélico da cidadanía durante os sete días de festexos, que recuperaron o espírito do Entroido cunha ambiciosa programación que atendeu á identidade da cidade e dos seus referentes”.